A hostalería local, protagonista da primeira Festa do Viño de Barro pospandemia

Barro
07 de xuño 2022

O Concello anunciou este martes a programación da edición número 43 dunha festa que comezará o vindeiro domingo cunha cata previa de viños caseiros

Presentación da XLIII Festa do Viño de Barro
Presentación da XLIII Festa do Viño de Barro /

O alcalde de Barro acompañado do resto do goberno municipal e de Johnny Güimil, pregoeiro da XLIII edición da Festa do Viño de Barro, presentaron este martes a programación dunha festa que volve por todo o alto despois de dous anos de parón obrigado.

A Festa do Viño de Barro comezará a sentirse e gozarse en Barro unha semana antes, pois o Concello en colaboración coas catro adegas de Barro e o sector da hostalaría, volve poñer en marcha a campaña “Brindemos polo noso”, que o ano pasado tivo moito éxito e que permitirá volver a degustar nos bares e restaurantes da localidade os viños elaborados en Barro a un prezo económico.

Así mesmo, o mércores 8 de xuño ás 18 horas terá lugar no Pazo da Crega unha cata dos viños de Barro dirixida ao sector da hostalaría local para dar a coñecer entre o sector as particularidades e a calidade de todos os viños que se elaboran en Barro.

O domingo 12 ás 10.30 horas no Centro Cívico celebrarase a cata previa dos viños caseiros onde a equipa de cata, na que destaca a presenza feminina por primeira vez na historia da Festa do Viño, escollerá os viños que pasen á cata final que se celebrará o propio domingo 19 ás 10.30 horas nas inmediacións do Pazo da Crega.

O xoves día 16 serán protagonistas os máis cativos, pois pola tarde terán inchables de balde e o concerto de Uxía Lambona e a banda molona. Pechará a xornada o grupo local Galifunk.

O venres 17 será o día da inauguración oficial da festa e onde todas as persoas que tiveron a honra de dar o pregón de Barro acompañarán ao pregoeiro deste ano e ao alcalde no corte da cinta, como acto previo á lectura do pregón deste ano a cargo do músico Johnny Güimil. Despois do pregón, actuará o grupo Son das Tabernas como aperitivo á gran verbena que estará amenizada polas orquestras Marbella e Satélites.

O sábado 18 terán lugar ao largo de todo o día os partidos de fútbol no campo do Outeiro do Torneo da Festa do Viño e ás 17 horas dará comezo a gran final do VIII Torneo de Tenis. Pola tarde, actuarán no Pazo a coral polifónica, os Calcafoles do Lérez e as pandereteiras da Asociación Peñaflor. Pola noite a verbena estará a cargo de Finisterre e Metrópolis.

O domingo 19 comezará a xornada co inicio das catas tanto da final dos viños caseiros como do Certame da DO Rías Baixas. Tamén terá lugar simultaneamente a VIII Xuntanza de Vespas, Lambrettas e motos clásicas. Ás 12.00 horas dará comezo a tradicional sardiñada popular amenizada pola charanga Alambique e ás 13.30 horas comezará o acto de entrega de premios aos mellores viños. A xornada matutina rematará co tradicional xantar ás 15:00 horas.

Pola tarde terá lugar o peche da XLIII edición con dous concertos especiais, primeiro cun concerto a cargo da Banda Xuvenil de Barro no que subirán ao escenario as mellores voces de Barro con Ana Angueira, Jorge Menéndez, Ana Iglesias, Johnny Güimil e Robert Beade e no que haberá algunha sorpresa.

O concerto de peche será emotivo, pois o grupo histórico Milladoiro volverá actuar en Barro 41 anos despois dun concerto que deron en Barro no ano 1981 na Festa do Labrego organizada pola Asociación Cultural o Xestal.