Os bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago de Compostela acordaron este venres que non se celebrarán misas en Galicia "ata ser superada a actual situación de emerxencia" polo que esta medida estará en vigor "en principio ata despois de Semana Santa".
"É unha responsabilidade cidadá e unha esixencia do amor ao próximo previr o contaxio nestes momentos", afirman nun comunicado.
Aos fieis cristiáns dispénsaselles "da asistencia á Eucaristía, os domingos e festas de precepto" coa proposta alternativa de que sigan a misa "por radio ou televisión, así como por internet".
En canto aos funerais celebraranse "Exequias sen misa" ou "só co grupo dos familiares máis achegados". O resto pospóñense ata despois de Semana Santa.
As cancelacións tamén afectan á catequese, as celebracións litúrxicas da Semana Santa e as confirmacións, co rogo de que se aprace "calquera outra celebración que non sexa urxente".
Os templos "seguirán abertos, a menos que as autoridades sanitarias digan o contrario, como signo de esperanza e ao dispor dos fieis para que poidan ir rezar, sen aglomeracións e vivir no silencio estes momentos difíciles".