A igualdade desde un punto de vista profesional centrará unha xornada no Castelo de Soutomaior

Pontevedra
07 de setembro 2018

A xornada vai desenvolverse durante o xoves 27 de setembro con especialistas na materia. Durante a cita vai analizarse a importancia de dar un pulo ás políticas de igualdade no sector público, no privado e tamén na educación

Imaxe da Escola de Igualdade María Vinyals
Imaxe da Escola de Igualdade María Vinyals

O vindeiro 27 de setembro, o Castelo de Soutomaior acollerá a xornada sobre 'Profesionais pola Igualdade', que organiza a Escola de Igualdade María Vinyals. Con esta proposta queren analizarse políticas públicas e os avances na contratación de persoal técnico que trate a situación de desigualdade que atopan as mulleres.

Carmela Silva, presidenta da Deputación, avanzaba o programa este venres sinalando que nesta cita vai estudarse a relevancia da axenda social e política no desenvolvemento de políticas de igualdade.

Durante esta xornada, ponentes da categoría de Rosa Cobo, escritora e profesora de Socioloxía do Xénero da Universidade da Coruña falará sobre a necesidade destas polítcas e sobre a profesionalización de persoas que se encarguen de departamentos técnicos sobre igualdade. Vai levarse a cabo tamén unha mesa redonda durante esa xornada, mentres que durante a tarde realizarase unha exposición de relatorios sobre a importancia que ten a igualdade tanto no sector público como no privado e tamén na educación.

A presidenta da Comisión de Igualdade e Dereitos Cívicos da Federación de Municipios de Madrid, Silvia Buabent ofrecerá unha conferencia final sobre a igualdade na axenda política.

A matrícula para esta xornada atópase aberta ata o 23 de setembro. É necesario apuntarse a través da web da Deputación Provincial.