A II Andaina Concello de Campo Lameiro volverá recadar fondos para a Fundación Andrea

Umia
09 de xullo 2023

Con esta proba non competitiva buscan recadar fondos para a Fundación Andrea de apoio a nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas e terminais, ademais de promocionar os lugares que conforman o patrimonio natural e medioambiental do concello de Campo Lameiro, Capital do Turismo Rural 2023  

Presentación da II Andaina de Campo Lameiro
Presentación da II Andaina de Campo Lameiro / Concello de Campo Lameiro

O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, e varios membros do Comité Organizador presentaron este venres a II Andaina Concello de Campo Lameiro, que se celebrará o domingo 17 de setembro.

O percorrido terá tres trazados. Un longo de 23 quilómetros cun desnivel positivo de 860 metros que terá habilitados 3 avituallamentos; un trazado medio de 14 quilómetros que disporá de dous avituallamentos; e outro curto de 8 quilómetros que terá un.

Con esta proba non competitiva buscan recadar fondos para a Fundación Andrea de apoio a nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas e terminais, ademais de promocionar os lugares que conforman o patrimonio natural e medioambiental do concello de Campo Lameiro, Capital do Turismo Rural 2023.

No acto de presentación, o alcalde Carlos Costa compareceu con varios membros do Comité Organizador entre os que estaban Mónica Arza, Candido Carramal, Fernando Caldas, Jesús García e Paula Pazos, encargados de varios departamentos e da organización desta actividade.

Para incentivar a inscrición neste evento deportivo e turístico, a organización estableceu varios sorteos de produtos doados por establecementos comerciais da contorna entre todos os dorsais inscritos, que terán que abonar 10 euros por participar en concepto de seguros, etc. 5 euros de cada inscrición irán destinados íntegramente á Fundación Andrea de apoio a nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas e terminais.

A proba celebrarase o domingo 17 de setembro 2023 ás 9.00 horas a ruta longa e 9:30 horas a ruta media e a curta. Tanto a saída coma a chegada será desde a Praza do Concello. Os dorsais poderanse recoller o domingo 17 a partir 7:30 ata as 8:45 horas os da ruta longa e 9:15 horas a ruta media e curta.

 As inscricións deberán facerse a través da páxina web www.sportmaniacs.com e só polo feito de participar os inscritos recibirán unha camisola de agasallo por parte da organización, que respectará as tallas aos primeiros 300 inscritos.

Ao remate deste evento turístico-deportivo a organización servirá un aperitivo a base de pinchos nos que haberá empanada, mexillóns e callos que poderán ser degustados e acompañados por bebidas refrescantes doadas polos establecementos colaboradores.

Segundo manifestou o alcalde de Campo Lameiro, "seguimos apostando polas prácticas saudables e por facer protagonista destas actividades á nosa paisaxe", indicou ou rexidor.