A II Carreira Solidaria Montes de Curro contou con máis de cen participantes

Barro
03 de outubro 2017

A recadación destinarase íntegramente ós fins da asociación que se adica ao rescate de animais abandonados e a buscarlles un novo fogar

II Carreira Solidaria Montes de Curro Asociación Cadeliños

A II Carreira Solidaria Montes de Curro, que parte da Asociación de Rescate Animal "Cadeliños", tivo moi boa acollida entre os deportistas, pois nesta segunda edición acadáronse os cen participantes nas diversas modalidades organizadas.

Os corredores, chegados dende varios puntos de Galicia, destacaron a calidade do percorrido, as marabillosas vistas que o acompañan e a comodidade das instalacións, cedidas de forma totalmente altruista pola Comunidade de Montes de Curro, nas cales puideron ducharse ó finalizar.

A proba contou con varias modalidades en categorías senior e tamén en veteranos: unha carreira longa, cunha lonxitude de 15 quilómetros perfecta para os corredores máis expertos, unha curta, cun percorrido de 5 quilómetros e unha andaina popular na que ademais se puido contar coa presenza dos cans dos participantes.

Durante o percorrido habilitáronse varios puntos de avituallamento para repoñer forzas e tamén ao finalizar a proba, como froita e diversos alimentos doados por particulares e empresas da zona.

Ao rematar, ademáis dos trofeos para os gañadores, realizáronse varios sorteos de agasallos doados por empresas que colaboraron de forma desinteresada coa causa, así como o Concello de Barro que adquiriu integramente os trofeos entregados ós gañadores.

O obxectivo, máis aló da mera recadación de fondos, foi concienciar da problemática existente en torno ó abandono de animais e as dificultades coas que se atopan as asociacións para poder axudalos. Asimesmo, os cans acollidos pola asociación “Cadeliños” puideron gozar dun longo paseo á par que se promocionou a súa adopción por parte dunha familia responsable.

A recadación destinarase integramente aos fins da asociación que se dedica a rescatar animais abandonados e buscarlles un novo fogar.