A Illa das Esculturas estrea nova sinalización para facilitar información sobre as 12 pezas escultóricas

Pontevedra
15 de xuño 2023

Cada obra conta agora cun código QR que permite escoitar un audio con información ao redor da peza en cuestión e do seu significado e proceso creativo

O Concello de Pontevedra instala nova sinalización na Illa das Esculturas
O Concello de Pontevedra instala nova sinalización na Illa das Esculturas / Concello de Pontevedra

A Illa das Esculturas xa conta cunha nova sinalización informativa co fin de achegar coñecemento e contexto ao redor das pezas artísticas que compoñen o conxunto escultórico que desde o ano 1999 habitan este espazo natural.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado dos edís Eva Vilaverde e Xaquín Moreda, visitou esta mañá a Illa do Covo co fin de ver e ‘probar’ estes novos elementos trala súa instalación, que forma parte dunha segunda fase de actuacións municipais co obxectivo de poñer en valor todas as pezas do lugar. Cómpre lembrar que a primeira fase consistiu na limpeza das mesmas e da aplicación dun tratamento anti-grafitis.

"A posta en valor deste lugar e do conxunto escultórico era un compromiso deste Goberno, mellorando a sinalización das 12 esculturas que están neste espazo natural e que configuran un dos museos ao aire libre máis importantes de Europa", sinalou Lores. "Estamos a falar de 12 artistas que fixeron unha actuación en relación coa terra e coa pedra do país", engadiu.

O primeiro elemento está situado preto da pasarela peonil —a esquerda cruzando desde a zona dos antigos terreos de Tafisa— e conta cunha infografía de toda a zona, a situación das pezas escultóricas e un códigos QR para cada unha delas. Este código, que na actualidade pode ser usado activando a cámara da maioría dos móbiles e apuntando para o mesmo, leva até un arquivo de audio con información ao redor da obra en cuestión e do seu significado e historia.

Por suposto, ao pé de cada escultura tamén se atopan estes mesmos códigos para poder ter a información in situ, ao longo dun hipotético paseo pola zona. "Trátase de poñer en valor este espazo natural lembrando que é un museo ao aire libre con artistas de nomeada fama internacional", indicou o alcalde, sinalando ademais que os centros escolares poden solicitar visitas guiadas pola zona poñéndose en contacto co Concello de Pontevedra.

Nese sentido, o concelleiro Xaquín Moreda, explicou que tamén foi creada unha Unidade Didáctica para a ocasión, quedando a disposición dos centros escolares, e así "coñecer que significa cada peza e que buscaba o artista cando deseñou cada unha delas". Esta uniadade estará dispoñíbel na web do Concello nos vindeiros días.