O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), con sede en Niño do Corvo (A Illa de Arousa), despediu este xoves á cría de lobo mariño cinsento "Luis Muxía", que inicia o seu regreso ao mar, e dá a benvida ao lobo mariño Guardesiña para a súa recuperación.
Estas accións forman parte da colaboración que vén mantendo a Xunta desde o ano 2003 coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), para a recuperación dos mamíferos mariños que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos.
"Luis Muxía" foi trasladado desde o Igafa ao porto de Vigo por unha unidade móbil do Cemma e alí embarcou con rumbo a augas de Irlanda, onde será depositada. Esta cría de lobo mariño foi rescatada nas costas de Muxía o pasado 17 de febreiro e foi trasladada á UCI de lobos mariños do establecemento veterinario de Nigrán. Tras unha evolución favorable continuou a súa recuperación no IGAFA, que rematou cando acadou 31 quilos de peso.
Pola súa banda, o lobo mariño Guardesiña chegou este xoves ao Igafa, onde permanecerá unhas catro semanas para a segunda fase da súa recuperación. Este lobo mariño, de 85 cm de lonxitude, apareceu na costa da Guarda o 14 de xaneiro e foi trasladado á UCI do CEMMA, onde acadou os 21 quilos de peso.
Tras unha evolución favorable, os veterinarios autorizaron o comezo da segunda fase de recuperación.