A ILP en defensa dun Hospital Público e Único de Pontevedra chega ao Parlamento

Pontevedra
22 de maio 2017

Será este martes 23 e os seus promotores, a plataforma SOS Sanidae Pública, esperan que a xornada sexa un "punto de inflexión" para que "despois de tantos anos de loita, nos digan: estamos dacordo coas necesidades sanitarias de Pontevedra"

Comparecencia dos integrantes de SOS Sanidade Pública para falar do debate da ILP no Parlamento
Comparecencia dos integrantes de SOS Sanidade Pública para falar do debate da ILP no Parlamento / Mónica Patxot

A Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida pola Plataforma SOS Sanidade Pública en defensa da creación dun hospital público e único en Pontevedra mediante a ampliación de Montecelo chegará finalmente ao Parlamento de Galicia. Será este martes 23 e os seus promotores esperan que a xornada sexa un "punto de inflexión" para que "despois de tantos anos de loita, nos digan: estamos dacordo coas necesidades sanitarias de Pontevedra"

Nas horas previas a este debate, varios integrantes da plataforma compareceron ante os medios e avanzaron que a ILP defenderaa na Cámara un dos portavoces, Anxo Rincón, e outros nove integrantes estarán presentes, entre os que confían que figure un representante do Concello de Pontevedra.

Anxo Rincón considera que xa o feito de que a ILP chegue ao Parlamento é "unha vitoria para tantos anos de loita", pero, ademais, ten a esperanza de conseguir o apoio de todos os grupos políticos con represntación parlamentaria a unha iniciativa que logrou o apoio de 11.039 firmas de cidadáns pontevedreses. 

Teñen claro xa cal será a postura á hora das votacións dos partidos políticos que están implicados no colectivo, pero non do partido no goberno e con maioría parlamentaria, o PP. De todos os xeitos, confían en que os apoien, pois desde que se retomou o proxecto de ampliar Montecelo "hai un  nivel de coincidencia importante" entre as demandas de SOS Sanidade Pública e as da Consellería de Sanidade. 

"Din que queren que sexa público e que quere facelo rápido", lembran os portavoces da plataforma. Este martes, durante o debate no Parlamento, teñen "unha oportunidade" para que esa declaración de intencións se cumpra e, "que o PP se retracte" despois de anos nos que utilizaron o "xogo de amagar e dar voltas" en relación co "desastre de Monte Carrasco"

Desde a plataforma insisten en que a ILP ten dous puntos fundamentais que para eles son irrenunciables, non só que se cubran as carencias da área sanitaria, senón que se garanta que o actual edificio do Hospital Provincial conserve o uso sanitario e que se garanta que o Gran Montecelo teña financiamento e xestión 100% pública, tanto nos usos sanitarios como nos servizos dispoñibles no Hospital, entre eles, o aparcadoiro, para evitar o que ocorreu no Álvaro Cunqueiro de Vigo.