A ministra de Fomento, Ana Pastor, acudirá o vindeiro luns 21 de setembro ao acto de inauguración da avenida Josefina Arruti, denominación que recibiu o desdobramento da avenida de Vigo, unha obra licitada e executada polo Concello de Pontevedra e financiada polo departamento gobernamental. Será, segundo desvelou este martes o goberno municipal, a partir das once da mañá.
A inauguración, que será aberta ao público e á que foron convidados todos os grupos políticos da corporación, contará cun paseo das autoridades polo novo viario, que une a rúa da Estación co nó do Pino, e coas intervencións do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a ministra.
Pero non terá unicamente esta vertente política, xa que a inauguración pretende ser unha homenaxe á figura de Josefina Arruti, polo que tamén participarán familiares desta pontevedresa, represaliada durante a ditadura franquista.
O concelleiro Luís Bará lembrou que Josefina Arruti foi unha muller "sacrificada e perseguida" por ser a compañeira do alcalde de Pontevedra Bibiano Fernández Osorio Tafall e a súa firme defensa das liberdades. Foi encarcerada e sometida a arresto domiciliario durante tres anos. Grazas á súa familia, foi símbolo de solidariedade ao abrir o seu panteón para que se enterrasen nel numerosos represaliados durante a Guerra Civil e os anos da ditadura franquista.
Esta homenaxe cívica a unha das mulleres represaliadas durante esta época escura da nosa historia farase extensible a outras vítimas pontevedresas, que darán nome a outros espazos públicos da cidade.
Bará destacou que, xunto con esta vertente histórica, o Concello celebrará que con este novo viario, a zona sur da cidade experimentou unha "transformación absoluta e espectacular" en materia de seguridade viaria, mobilidade e accesibilidade e gañando novos espazos para os desprazamentos a pé por Pontevedra.