A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés confirma que manterá a continuidade asistencial de Atención Primaria no centro de saúde de Ponte Sampaio coa incorporación dun novo facultativo de Medicina Familiar e Comunitaria procedente da resolución do actual concurso de traslados.
Esta decisión dá solución á marcha do actual médico, que fixo uso deste mesmo concurso para trasladarse a outro ambulatorio. O centro sanitario desta parroquia contará tamén cunha profesional de enfermería.
Con este anuncio, o Sergas quere "desmentir informacións infundadas que referían á non cobertura da praza do facultativo", recolle o comunicado oficial. Deste xeito, desde o Servizo Galego de Saúde reiteran que manterán coa nova incorporación dun facultativo a actual planificación asistencial en Ponte Sampaio.
Desde o mes de setembro do pasado ano 2020 a atención sanitaria pública neste consultorio pontevedrés reactivouse asistencialmenente logo de verse condicionada e modificada pola incidencia da pandemia.
Aínda así, desde a xerencia da área sanitaria reiteran á poboación da parroquia a necesidade de manter nas estadías no consultorio as recomendacións preventivas xa coñecidas en prevención da covid-19, entre elas a necesidade de solicitar cita previa por teléfono ou Internet.