A inflación incrementa a factura final pola reforma de Loureiro Crespo e O Castañal

Pontevedra
24 de outubro 2022

Meses atrás o custo da reforma sumou 431.000 euros debido a un erro nos planos municipais dos servizos subterráneos agora é a inflación a que leva ao Concello a abonar a maiores á empresa adxudicataria algo máis de 214.000 euros por estes traballos

Plantación de árbores en Loureiro Crespo
Plantación de árbores en Loureiro Crespo / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra aprobou este luns na reunión da Xunta de Goberno Local a revisión de prezos con carácter excepcional presentada pola empresa COVSA en relación á reforma integral da rúa Loureiro Crespo, que incluíu tamén a urbanización do barrio do Castañal.

Este proxecto de reforma urbana xa era, de partida, o máis caro da historia do Concello de Pontevedra cun custo inicial de 2,1 millóns de euros. Con todo, desde que comezou a obra en abril de 2020 e ata a súa entrega foron xurdindo contratempos que incrementan o prezo final. 

Meses atrás o custo da reforma sumou 431.000 euros debido a un erro nos planos municipais dos servizos subterráneos agora é a inflación a que leva ao Concello a abonar a maiores á empresa adxudicataria algo máis de 214.000 euros por estes traballos.

A revisión excepcional de prezos está amparada polo Real Decreto 3/2022 en contratos de obra en determinados casos, segundo informou a portavoz municipal, Anabel Gulías, neste caso de "todos os custos que veñen derivados tanto da guerra de Ucraína, como da suba anormal dos subministros eléctricos e demáis cuestións".

Os servizos técnicos municipais validaron que se cumpren todos os requisitos necesarios para levar a cabo esta revisión de prezos.