A iniciativa "Future Stories" impulsará a carreira profesional dos novos titulados en Belas Artes

Pontevedra
21 de xuño 2022

O proxecto repartirá dez bolsas de 4000 euros para proxectos artísticos derivados dos Traballos de Fin de Grao do estudantado do último curso da titulación. Trátase dunha acción financiada pola promotora da exposición ‘Peter Lindbergh: Untold Stories’

Edificio da facultade de Belas Artes
Edificio da facultade de Belas Artes / Mónica Patxot

O acordo asinado no ano 2021 entre a Universidade de Vigo e a promotora da exposición Peter Lindbergh: Untold Stories, Marta Ortega Pérez, traduciuse nun convenio destinado a promover a arte emerxente en Galicia a través de Future Stories, proxecto ao que se destinarían os ingresos xerados por esta exposición a través da venda de merchandising e das achegas dos visitantes.

Despois de que a mostra dedicada ao fotógrafo recibise máis de 110.000 visitantes, Future Stories permitirá outorgar ao alumnado da facultade ata dez bolsas de 4000 euros para o desenvolvemento dun proxecto artístico a partir dos seus Traballos de Fin de Grao. Os resultados finais reuniranse nunha mostra que terá lugar nun “espazo expositivo de referencia”, como recolle a convocatoria destas axudas.

Ata o 30 de xuño dispón de prazo o alumnado para presentar os seus proxectos a unha convocatoria que este martes facía pública a súa imaxe gráfica e á que poden concorrer os estudantes da Belas Artes matriculados no TFG no presente curso. 

O proxecto Future Stories busca “impulsar e promover as carreiras dos estudantes de último ano do grao en Belas Artes”, centrándose nos seus traballos finais, que constitúen “o proxecto individual máis persoal do estudantado e tamén o último elo académico previo á súa vida profesional”.

“Que a presidenta dunha das compañías galegas con maior proxección mundial se fixe en nós e aposte decididamente por nós, polo noso alumnado, é unha nova que prestixia á facultade”, salienta o decano, Xosé Manuel Buxán.