A investigación da Unión Europea sobre as Pousadas do Salnés preocupa a Carmela Silva

Pontevedra
30 de xaneiro 2017

Na actualidade, só o centro hoteleiro da Lanzada abriu as súas portas mentres que as instalacións de Ribadumia, Armenteira e Meaño teñen problemas "herdados do anterior goberno", indicou a presidenta da Deputación en referencia aos anos de mandato de Louzán

Pousada de Ribadumia.
Pousada de Ribadumia. / Mauro Lomba

As Pousadas do Salnés atópanse "atrancadas", así o afirmaba a presidenta da Deputación Carmela Silva na mañá deste luns afirmando que non é fácil liquidar algunhas irregularidades e problemas que foron herdados do anterior goberno, presidido polo popular Rafael Louzán

Carmela Silva aseguraba que todos, "absolutamente todos", os proxectos herdados contan con irregularidades entre as que destacaba modificados sen xustificar ou incumprimento da lexislación vixente porque non teñen os informes doutras administracións.

A presidenta provincial mostraba a súa preocupación ante a investigación aberta pola Unión Europea e definía as Pousadas do Salnés como un "escándalo". Apoiaba o seu argumento indicando que se deseñou para 9 millóns de euros e a contía final ascendeu a 27 millóns de euros. Silva indicou que non é fácil resolver que a Pousada de Ribadumia fora construída nun chan que era propiedade do arcebispado e non da Deputación.

Nestes momentos, só o hotel da Lanzada entrou en funcionamento mentres que as Pousadas de Ribadumia, Armenteira e Meaño mantéñense paralizadas debido aos problemas que arrastran.

Ante esta situación, a presidenta do executivo provincial indicou que se atopa "soprendida" cando escoita á oposición nas sesións plenarias ao reclamar un regreso ao modelo de xestión. A máxima responsable da institución provincial concluíu aludindo a que os populares deberían estar os 365 días do ano pedindo desculpas pola súa mala xestión.