A Lama mantén o dispositivo de atención a domicilio para cubrir as necesidades de veciños confinados ou dependentes

A Lama
20 de xaneiro 2021

O Concello entra no nivel de máximas restricións, polo que a atención presencial nas oficinas municipais queda suspendida e todos os trámites realizaranse pola vía telemática ou telefónica

A Lama mantén o dispositivo de axuda a domicilio para persoas confinadas ou dependentes
A Lama mantén o dispositivo de axuda a domicilio para persoas confinadas ou dependentes / Concello de A Lama

O Concello da Lama fai público un bando a través do que lembra á poboación que continúa en vigor o dispositivo solidario posto en marcha en marzo do 2020 para coordinar a asistencia a persoas en corentena ou con problemas de mobilidade que precisan medicamentos ou acceso a alimentos de primeira necesidade.

Coa entrada do municipio no máximo nivel de restricións polo aumento do número de casos positivos, o goberno local considera necesario lembrar aos veciños que teñen á súa disposición este servizo a través do teléfono 986 76 82 38 para atender calquera circunstancia de carácter persoal derivada da situación de emerxencia sanitaria.

Doutra banda, o Concello informa tamén que as oficinas municipais deixarán de ofrecer atención presencial ao público. A partir de agora as consultas serán telefónicas ou a través da sede electrónica. Só os casos urxentes ou de extrema necesidade, debidamente xustificados, poderán ser atendidos nas dependencias municipais, sempre debidamente xustificados e con cita previa.

O tenente de alcalde David Carrera é o encargado de coordinar o dispositivo de atención domiciliario e permanece en contacto cirecto e constante cos servizos sociais do Concello e coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Oitavén- Tea para reforzar o servizo de atencion cidadá tan pronto como sexa necesario.