A Lama pon en marcha cursos de formación para mulleres con motivo do 25-N

A Lama
06 de novembro 2019

Unha psicóloga imparte un ciclo sobre manexo de emocións e mellora das relacións interpersoais e a comunicación. Haberá tamén un taller sobre procura de emprego e emprendemento e clases de defensa persoal

O CIM da Lama organiza cursos de formación para mulleres
O CIM da Lama organiza cursos de formación para mulleres / Concello de A Lama

O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello da Lama pon en marcha un taller de habilidades sociais e intelixencia emocional con motivo da celebración do 25-N, día internacional da eliminación da violencia contra a muller.

Enmarcado no programa municipal de actividades de fomento da igualdade e prevención da violencia de xénero, esta iniciativa impartida pola psicóloga Romina Goberna ten como obxectivo axudar ás participantes para aprender a identificar, comprender e manexar as emocións e sentimentos así como a mellorar as relacións interpersoais e a comunicación.

Ten unha duración de vinte horas e impartirase os martes, de 16 a 20 horas, na Biblioteca Municipal da Lama.

Dentro deste programa, están tamén previstas outras dúas actividades consistentes nun curso de defensa persoal e un taller sobre técnicas de procura de emprego e emprendemento feminino.

Todas aquelas interesadas en participar nalgunha destas iniciativas poderán inscribirse nas oficinas do Concello de luns a venres en horario matinal.