A lingua galega, protagonista do Nadal nos comercios de Poio

Poio
21 de decembro 2022

O Concello de Poio reparte entre o sector comercial local miles de adhesivos e motivos de Nadal con expresións e frases en galego, para seren utilizados no empaquetado das compras e agasallos que se levan a cabo nestas datas

Agasallos
Agasallos / Biblioteca ETSI Telecomunicación

O galego terá un gran protagonismo durante a campaña do Nadal no tecido comercial de Poio grazas a unha campaña impulsada a través do departamento de Dinamización Lingüística do Concello, coordinado pola edil nacionalista Raquel Rodríguez. 

A concelleira do goberno local deu a coñecer este mércores os detalles desta iniciativa, que consistirá no reparto de 2.000 adhesivos e adornos que inclúen frases e expresións galegas para engadir ao empaquetado dos produtos que se merquen durante estas semanas nos establecementos do municipio. 

Con esta campaña, os paquetes incluirán frases como "Bo Nadal", "Boas Festas", "Un bico moi forte", "Cos meus mellores desexos" e expresións similares.

Raquel Rodríguez agradeceu a implicación do sector e da Asociación de Empresarios EnPoio, que colabora coa iniciativa, e fixo un chamamento á cidadanía para que nestas datas aposta polo comercio local porque "mercar nos establecementos do municipio supón un engadido de proximidade, ademais de axudar a xerar riqueza e emprego, mantendo a dinamización dun sector que é básico dentro da nosa economía local", sinalou a responsable de Dinamización Lingüística.

A Asociación EnPoio encargarase de repartir estes adhesivos entre os seus establecementos asociados. O resto de profesionais interesados en tomar parte nesta campaña poderán solicitar este material chamando ao 986770001 (Cultura) ou enviando un correo electrónico a [email protected]