A Lonxa de Campelo fai un balance positivo da implantación dunha app para xestionar o marisqueo

Pontevedra
25 de outubro 2021

Grazas a XESMAR teñen ao alcance da man información sobre a previsión meteorolóxica e as mareas, consultas sobre as extraccións, os controis, os eventos, reciben notificacións e avisos do plan de marisqueo...

Xesmar é unha "app" galega para xestionar o marisqueo
Xesmar é unha "app" galega para xestionar o marisqueo

O Centro Cultural Xaime Illa (Raxó-Poio) acolleu este luns a presentación dos resultados do proxecto de implantación da plataforma XESMAR na Lonxa de Campelo, unha "app" galega para xestionar o marisqueo.

A este acto asistiron representantes do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (en adelante GALP) Ría de Pontevedra e de confrarías da contorna da ría.

Esta presentación recollía os resultados dun proxecto iniciado no 2020 que tiña como obxectivo axudar ao colectivo de traballadores do mar, e as súas confrarías, na introdución de aplicacións e servizos de tecnoloxía da información e comunicación (TIC) necesarios para a simplificación dos procesos produtivos, a mellora da trazabilidade dos produtos, a organización do traballo e a mellora global da imaxe do sector, facéndoo máis atractivo para as novas xeracións.

Durante a presentación levouse a cabo unha explicación do funcionamento da plataforma de xestión do marisqueo XESMAR, que xa está implantada en moitas confrarías e que resulta unha ferramenta áxil de comunicación e información actualizada, tanto para as lonxas como para os mariscadores. Grazas a XESMAR teñen ao alcance da man información sobre a previsión meteorolóxica e as mareas, consultas sobre as extraccións, os controis, os eventos, reciben notificacións e avisos do plan de marisqueo...

A implantación de XESMAR non foi sinxela, a Lonxa de Campelo presenta certas particularidades -como o feito de integrar a tres confrarías diferentes (Pontevedra, Raxó e Lourizán)- polo que houbo que facer adaptacións na aplicación para integrar esta realidade. Ademais, o proceso formativo veuse afectado pola pandemia. Malia todo, a implantación acadou porcentaxes que desde Lonxa de Campelo valoran como positivas: en marisqueo a pé rolda o 90%, e en marisqueo a flote, cerca do 80%.

Desde Lonxa de Campelo entendían como necesaria a entrada das novas tecnoloxías e as TIC no seu ámbito de traballo, era preciso adaptarse ás novas formas de comunicación, facilitando así as xestións da lonxa e o día a día de mariscadoras.

A Lonxa de Campelo, promotora deste proxecto, solicitou unha axuda ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo, aprobadas pola Consellería do Mar no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para os anos 2020 e 2021. 

A axuda, xestionada polo GALP Ría de Pontevedra, enmarcouse dentro dos proxectos de carácter non produtivo sendo o custe total do proxecto de máis de corenta mil euros, e a axuda destinada á lonxa de 33.494 euros, dos cales o 85% son aportados polo FEMP e o 15% restante pola Consellería do Mar.