A lonxa de Tragove, en Cambados, terá 300 metros cadrados máis tras a súa ampliación

O Salnés
09 de xullo 2024

Os traballos previstos consisten na ampliación do edificio actual cara o nordeste, creando unha nova zona destinada á limpeza de caixas, a preparación do peixe e cámaras de frío e conxelación. Ademais redistribuiranse os espazos na planta baixa destinada a oficinas

Alfonso Villares, conselleiro do Mar, na lonxa de Tragove
Alfonso Villares, conselleiro do Mar, na lonxa de Tragove / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia destinará 1,38 millóns de euros ás obras de remodelación e ampliación da lonxa de Tragove, en Cambados, segundo avanzou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares.

Os traballos previstos consisten na ampliación do edificio actual cara o nordeste, creando unha nova zona destinada á limpeza de caixas, a preparación do peixe e cámaras de frío e conxelación. Ademais redistribuiranse os espazos na planta baixa destinada a oficinas.

O novo espazo ampliado terá unha superficie de aproximadamente 300 metros cadrados continuando a cuberta existente e incluirá unha pequena zona abrigada que sirva para acoller a carga e descarga de mercadorías nos camións.

Con isto elimínase do actual espazo da lonxa a zona de limpeza, o almacén de caixas e a cámara frigorífica. 

O proxecto inclúe tamén o acondicionamento da actual planta baixa modificando a distribución dos baños e a oficina da confraría e dispoñendo unha zona de vestiario e aseos así como outra de almacén para carretillas.

Así mesmo, a oficina de inspección sanitaria substitúese por unha de atención aos clientes.

Por outra banda, na zona central da lonxa créase un espazo para a pesada do peixe e outro para o marisco e o quiosco destinado a oficinas substitúese por un novo elemento móbil. 

En vista do estado de deterioro da cuberta do inmoble, incluíuse tamén a súa renovación polo que quedará formada por unha placa de fibrocemento gran onda de exterior, con illamento de la de rocha de espesor 80 mm e polo interior cunha prancha de fibrocemento minionda.

A prancha superior apoiarase nunha estrutura formada por vigas e correas prefabricadas. 

A previsión é que os traballos teñan unha duración de oito meses.