A Mancomunidade de Montes de Pontevedra, disposta a demandar ao Concello pola cobranza indebida do IBI

Pontevedra
06 de decembro 2022

A cuestión é que, por lei, as parcelas de monte veciñal en man común están exentas do pago do IBI, como ben coñece o Concello xa que estes requerimentos lévanse producindo desde hai varios anos, chegando algún deles á vía xudicial onde se declarou a improcedencia do pago do imposto

Comparecencia dos representantes das comunidades de montes de Pontevedra
Comparecencia dos representantes das comunidades de montes de Pontevedra / PontevedraViva

A Mancomunidade de Montes de Pontevedra expresou o seu enfado co Concello de Pontevedra a raiz dos requirimentos de cobranza de recibos do Imposto de Bens Inmobles (IBI) que reclaman a varias comunidades de montes por parcelas veciñais.

Estes requirimentos do pago da coñecida popularmente como a "contribución" inclúen o apercibimento de recargo en vía de apremio e ameaza de embargo de contas bancarias. 

A cuestión é que, por lei, as parcelas de monte veciñal en man común están exentas do pago do IBI, como ben coñece o Concello xa que estes requerimentos lévanse producindo desde hai varios anos, chegando algún deles á vía xudicial onde se declarou a improcedencia do pago do imposto.

Á comunidade de montes de Salcedo chegóuselle a reclamar preto de trescentos mil euros por non abonar este imposto á Administración local e os comuneiros de Verducido pagaron máis de 10.000 euros en concepto de Ibi no últimos seis anos por propiedades como o campo de fútbol, o centro social e a canteira.

Nesta rolda de prensa, facendo unha fronte común, os representantes das comunidades de montes do municipio criticaron a "actitude incomprensible" do servizo tributario municipal e a "inacción" do goberno local con este problema do que ten coñecemento pero que non resolve. 

A Mancomunidade de Montes de Pontevedra solicitou unha reunión de carácter urxente co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro responsable da área de Facenda, Raimundo González.

Os representantes das comunidades de montes deixaron claro que a súa é "unha demanda totalmente xustificada e apoiada pola lei" polo que, se solicitude non é atendida de forma "frutífera" por parte do Goberno local, "iniciaremos os procedementos legais pertinentes contra o Concello".

"Non estamos a pedir un trato de favor, senón que a excepción que contemplan as leis sexa efectiva e que non se cheguen a xerar recibos de reclamación do IBI para as comunidades de montes", concluyeron.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora