A Mancomunidade de Concellos do Morrazo avanza un paso máis na implantación da recollida selectiva de biorresiduos nos produtores singulares, unha iniciativa que comeza estes días coa campaña informativa entre a hostalaría do Morrazo, co obxectivo de presentar a recollida "porta a porta", que permitirá mellorar a xestión dos residuos e incrementar as taxas de reciclaxe para aproximarse aos obxectivos das diferentes normativas.
Convocarase unha reunión con toda a hostalaría e comercio para comunicar a posta en marcha do servizo, e entregaranse manuais e folletos informativos sobre a correcta separación de residuos e a importancia da compostaxe, así como pousavasos, manteis individuais nos establecementos adheridos.
As normativas europea e estatal esixen acadar o 55% na reutilización e na reciclaxe dos residuos domésticos en 2025. Ademais, a nova lei de residuos de Galicia esixe instaurar antes do 31 de decembro de 2023 a recollida separada dos biorresiduos. Para chegar a estes obxectivos, tanto as administracións públicas como o tecido empresarial e a propia cidadanía, deben asumir as súas respectivas responsabilidades e ser parte activa na recollida e na xestión do lixo.
Os locais que se adhiran a esta campaña recibirán unha visita do persoal técnico da Mancomunidade, onde se lles informará sobre a dinámica da separación en orixe e a nova sistemática do contedor marrón. Ademais farase entrega dun contedor para poder realizar a separación dos biorresiduos cunha maior comodidade no seu propio local.
Unha vez que os produtores estean ben informados, comezarase co sistema "Porta a Porta", para o que se estipula unha frecuencia de recollida a concretar segundo as necesidades. En canto ás características técnicas, os conlectores que se entregarán terán unhas capacidades de 120, 240 e 360 litros, dependendo a produción de materia orgánica de cada establecemento, e contarán cun pedal para facilitar a apertura sen manipulación da tapa e con pechadura automática por gravidade.