A Mancomunidade do Morrazo instalará seis puntos limpos de proximidade na comarca

Bueu
23 de decembro 2022

Este proxecto permitirá a reciclaxe de distintos residuos que carecen de sistemas de recollida, e que despois serán enviados ao Punto Limpo da Mancomunidade

Punto limpo de proximidade
Punto limpo de proximidade

A Mancomunidade de Concellos do Morrazo instalará seis puntos limpos de proximidade que permitirán a recollida selectiva de residuos especiais de mediano e pequeno tamaño.

O ente supramunicipal vén de acadar unha subvención da Consellería de Medio Ambiente destinada a este concepto, valorada en 27.000 euros, da que a Mancomunidade terá que achegar 9.114 euros máis para o financiamento da totalidade. O proxecto está cofinanciado con fondos do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

Estes novos dispositivos de reciclaxe presentarán diversos compartimentos para a recollida de distintos residuos que carecen de sistemas ordinarios de recollida achegando así, a recollida selectiva á cidadanía e reforzando o servizo do Punto Limpo. 

Estes Puntos Limpos situaranse na vía pública e dende a Mancomunidade prevese que cada municipio conte con dous a comezos do próximo ano, aínda que xa se recibiron unhas placas de lectura braille co fin de que os colectores sexan accesibles para o maior número de persoas.

Neles, a cidadanía poderá depositar, de forma independente, tubos fluorescentes, pilas e baterías, cartuchos de tinta e tóner de impresoras, pinturas, disolventes e sprays, pequenos aparellos metálicos, lámpadas de baixo consumo, pequenos e medianos RAEEs, cápsulas de café, radiografías, e CD e DVD. Despois, eses residuos serán enviados ao Punto Limpo da Mancomunidade.

Tal e como se destaca dende a Mancomunidade, o proxecto terá beneficios medioambientais e económicos, como o aumento dos ratios de recollida e xestión sostible, a redución dos gases de efecto invernadoiro xerados por carburantes tradicionais ao evitar os traslados en vehículos ao Punto Limpo, a redución dos vertidos incontrolados no medio natural, e a minimización dos custes de transporte e xestión dos residuos mal separados (depositados no colector de resto).