A Marea Branca considera o Hospital de Monte Carrasco un proxecto obsoleto

Pontevedra
22 de febreiro 2016

Usuarios e traballadores dos Hospitais de Pontevedra e do Salnés concentráronse, como cada terceiro domingo do mes, na praza da Peregrina en defensa da Sanidade Pública

Concentración de Marea Branca na Peregrina
Concentración de Marea Branca na Peregrina / PontevedraViva
A Marea Branca considera que o proxecto do Hospital Monte Carrasco é obsoleto /

Ao redor de medio centenar de persoas concentráronse durante media hora na praza da Peregrina en Pontevedra durante este domingo 21 en defensa da Sanidade Pública. Este colectivo de usuarios e traballadores dos centros hospitalarios de Pontevedra e do Salnés que conforman o movemento da Marea Branca insisten en que os recursos nos centros públicos da provincia diminuíron durante os últimos anos tanto en persoal sanitario como en material.

Amparo Urtaza, portavoz de Marea Branca, sinalaba durante a concentración que o Partido Popular tanto na Xunta de Galicia como no Goberno estatal ten implantado a privatización e iso notouse nos hospitais da nosa contorna co traslado a empresas privadas dos servizos de cociña, lavandería ou almacén.

Neste sentido, Amparo Urtaza manifesta que Pontevedra non pode enfrontarse a unha situación como a do Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo e por iso considera que o proxecto do Hospital de Monte Carrasco, promovido pola Consellería de Sanidade, "xa está totalmente obsoleto". Segundo explicaba esta portavoz hai que mirar a países da nosa contorna nos que readaptan os hospitais existentes en lugar de afrontar proxectos como o de Monte Carrasco que, ao seu entender, é inviable.

Os manifestantes corearon o lema de "sanidade pública" e afirman que continuarán concentrándose todos os terceiros domingos de cada mes ata que os gobernantes garantan o mantemento dun sistema sanitario público.