O servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra foi galardoado como o mellor de España na atención á psoriasis nos premios "Best in Class 2015".
Estes premios, que anualmente convoca a publicación especializada Gaceta Médica xunto coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rey Juan Carlos, recoñecen os mellores centros sanitarios e servizos de toda España pola calidade da súa atención ao paciente e foron entregados onte en Madrid
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra foi o segundo centro hospitalario de España que logrou máis candidaturas finalistas, con dez servizos e procesos asistenciais nominados, ademais de optar tamén ao galardón ao mellor hospital.
Das 22 candidaturas finalistas da comunidade de Galicia, 11 corresponderon ao centro sanitario pontevedrés.