Ata catorce estradas serán renovadas no primeiro semestre no ano no marco do Plan de Vías que o Concello de Moraña deseñou para 2019. O punto de partida será o viario de acceso á igrexa de Lamas, pero en febreiro tamén se actuará nos lugares de Penagrande, O Casal, San Martiño e Sabadín.
As cinco primeiras melloras, que suporán un investimento de 130.000 euros, serán financiadas polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, realizou unha visita aos cinco camiños beneficiarios deste proxecto, que actualmente se atopa na recta final da súa fase de licitación e contratación, para perfilar os derradeiros detalles das obras e incluír pequenos axustes detectables sobre o terreo.
A actuación permitirá mellorar estas cinco pistas coa limpeza de beiravías en ambas marxes con saneo e arranque de raíces, a renovación do seu asfaltado cunha capa de rodaxe de aglomerado en quente e outras obras nas zonas de sobreancho, ás que se dotará de zahorra artificial nivelada e compactada.
Piñeiro anunciou, tras percorrer a pista da Igrexa en Lamas, que neste primeiro semestre vanse destinar 780.000 euros á realización de actuacións de renovación e mellora de estradas do municipio.
As obras, ademais de nestas cinco pistas, acometeranse en Cartamil -en dúas zonas-, Outeiro, Chan da Amil, O Calvo, Rebón de Arriba, San Pedro, Barro e Soar-Cosoirado.