A mellora integral da Xunqueira de Alba comezará en dúas semanas

Pontevedra
23 de maio 2018

A empresa Naturgalia realizará estes traballos, que terán un custo de 189.735 euros. Para iso dispoñerá dun prazo de tres meses. O Concello asegura que o inicio destes traballos producirase nun espazo de dúas semanas "máis ou menos"

Xunqueira de Alba, Pontevedra
Xunqueira de Alba, Pontevedra / Bicicleando (https://www.flickr.com/photos/bicicleando/)

A Xunqueira de Alba é un dos pulmóns verdes da cidade. Cada vez son máis os pontevedreses que se achegan a diario a este enclave natural para pasear ou practicar deporte. E o certo é que, dun tempo para acó, non presenta unhas condicións óptimas. Por iso é polo que o goberno municipal haxa contratado o seu acondicionamento integral.

A empresa Naturgalia realizará estes traballos, que terán un custo de 189.735 euros. Para iso dispoñerá dun prazo de tres meses. O Concello asegura que o inicio destes traballos producirase nun espazo de dúas semanas "máis ou menos".

As obras que están proxectadas son a reconstrución das pasarelas e miradoiros de madeira existentes, a rehabilitación do paseo principal de acceso á Xunqueira de Alba, incluíndo a limpeza de sumidoiros e recuperación de bordos de pedra ou o mantemento de mobiliario urbano, bancos e fontes.

Ademais, acometerase a reparación da varanda metálica na ponte sobre o río Rons, a limpeza do elemento principal de desaugadoiro do paseo que leva ata o parque da Deputación, a reparación do miradoiro grande da Xunqueira ou a reparación, limpeza e pintado da varanda metálica e dos murais exteriores.

Tamén se mellorará, segundo recolle o proxecto, a caseta de observación de aves que hai nas marismas, un ámbito declarado en 2009 como Espazo Natural de Interese Local ( ENIL).

A demolición das estruturas da antiga ponte, que figuraba nos plans iniciais, podería ser reconsiderada. Os técnicos están a analizar a posibilidade de mantelas e, tras colocar unhas pequenas varandas, convertelas nun pequeno miradoiro sobre o río e as marismas.