A modificación do Peprica para ampliar os edificios do Museo recibe o visto e prace do resto de Administracións

Pontevedra
15 de febreiro 2022

Só Costas e Patrimonio solicitaron unhas pequenas puntualizacións na modificación puntual prevista para a elaboración deste proxecto, que deberá ser aprobado no pleno municipal unha vez a Deputación inclúa as peticións destas entidades

Edificios históricos do Museo de Pontevedra
Edificios históricos do Museo de Pontevedra / Mónica Patxot

O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, deu conta esta mañá da modificación puntual do Peprica (Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística) no referente aos edificios orixinais do Museo de Pontevedra e a ampliación que este quere realizar no subsolo.

A aprobación inicial deste plan foi realizada no Pleno Ordinario do Concello de Pontevedra o 19 de xullo, para logo non recibir alegacións durante a súa exposición pública, estando agora preparados todos os informes sectoriais pertinentes.

"Só dúas entidades fixeron algunha puntualización sobre a modificación. Así, Costas manda cumprir o artigo 30, que fala de evitar a formación de pantallas", explica Moreda, que tamén sinalou que "deben ser marcadas nos planos as liñas de dominio público e de servidume. Temos tamén o informe de Patrimonio, que só pide modificar o artigo 86 para a súa adaptación á lei autonómica".

O edil sinalou que agora, cando a Deputación presente o documento adaptado, este deberá ser aprobado provisionalmente no pleno, para logo pedir de novo unha revisión na Xunta. Finalmente, irá a pleno para a súa aprobación definitiva.

Doutra banda, Moreda tamén quixo lembrar que o convenio coa Deputación para a cesión dos terreos do subsolo ao carón destes edificios históricos xa foi aprobado o 7 de febreiro en Xunta de Goberno, restando só por formalizar este acordo coa sinatura oficial.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora