A montaxe de atraccións e do escenario en Praza de España, preludio das festas

Pontevedra
08 de agosto 2018

Pontevedra conta as horas para o inicio das Festas da Peregrina, celebración que xa se empeza a notar na contorna da Alameda coas instalación de barracas e atraccións e as consecuentes restricións de tráfico

Montaxe de barracas e atraccións das Festas da Peregrina PontevedraViva

Pontevedra conta xa as horas para o inicio das Festas da Peregrina. Non será ata o vindeiro sábado cando o pregón dea o pistoletazo de saída á Semana Granda de celebracións, pero estas empezan a deixarse notar no centro da cidade.

Especialmente evidente faise esta circunstancia na contorna da Alameda, centro neurálxico das festas.

Alí empezáronse a instalar desde primeiras horas deste mércores as barracas e atraccións, repartidas entre as rúas Alameda, Montero Ríos e Raíña Vitoria, coas consecuentes restricións de tráfico na zona.

Ademais empezouse a levantar o gran escenario que albergará as actuacións musicais da Praza de España.

VALOS DE SINALIZACIÓN

A Policía Local pide respecto aos valos de sinalización na contorna de Raíña Vitoria e da Alameda que informan das restricións e cortes de circulación, e avisa que modificar, alterar, ocultar ou retirar estas sinais pode supoñer unha multa de ata 3.000 euros.

Ademais os condutores que sexan detectados pasando por unha zona prohibida á circulación expoñeranse a unha multa de 200 euros.