A morte dun home de 64 anos eleva a trece os falecidos por coronavirus en Pontevedra

Pontevedra
17 de abril 2020

Tras varios días sen vítimas mortais, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sumou un novo falecemento. Trátase dun home de 64 anos que, segundo confirma Sanidade, morreu este venres no Hospital de Montecelo

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Cristina Saiz

Tras varios días sen vítimas mortais, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sumou un novo falecemento. Trátase dun home de 64 anos que, segundo confirma Sanidade, morreu este venres no Hospital de Montecelo.

Con este falecemento, son xa trece as persoas que perderon a vida por coronavirus desde que comezou a pandemia nesta área sanitaria.

O home estaba ingresado desde hai días e tiña patoloxías previas, segundo Sanidade.

De todas as vítimas mortais, nove faleceron no Montecelo, tres no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra e unha no Hospital do Salnés.

Sanidade desvelou esta mañá que, a día de hoxe, hai 505 casos de coronavirus activos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, catro máis que o día anterior. Hai 11 pacientes que evolucionan en UCI e 25 hospitalizados en planta.

Os 469 casos restantes están en seguimento e illamento no seu domicilio.

Desde o inicio do plan de continxencia do COVID-19, ademais, prescribíronse 141 altas hospitalarias correspondentes a pacientes que se recuperaron. Nos últimos días, rexístranse altas a diario e nas últimas 24 horas tramitáronse cinco.