A morte dun home de 85 anos en Montecelo eleva a 243 os falecidos con covid na área sanitaria

Pontevedra
01 de febreiro 2022

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta este martes 1 de febreiro con 6.785 casos activos de coronavirus, o que supón un descenso de 197 con respecto á xornada anterior segundo informa o Servizo Galego de Saúde

O Centro de Saúde da Parda é un dos que aumentou a atención pediátrica
O Centro de Saúde da Parda é un dos que aumentou a atención pediátrica / Mónica Patxot

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés notificou o segundo falecemento esta semana dun paciente por coronavirus.

Trátase dun home de 85 anos, no Hospital de Montecelo, e que eleva a 243 as mortes de persoas con positivo activo por covid na área pontevedresa.

Polo demais, o Servizo Galego de Saúde informou que este martes 1 de febreiro son 6.785 os casos activos aos que se dá seguimento, o que supón 197 menos que a xornada anterior.

Desmenuzando os datos, esta nova xornada de descenso baséase como nas anteriores no elevado número de altas epidemiolóxicas dadas (706), que superan a uns novos contaxios que seguen roldando o medio milleiro diario, xa que se sumaron ás estatísticas 509 positivos.

En canto á situación hospitalaria son 88 as persoas infectadas polo virus as que permanecen ingresadas en Pontevedra e O Salnés, 5 delas na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo e o resto en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (69), o Hospital do Salnés (12) e o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (2).

Desde o inicio da pandemia superaron o coronavirus 42.753 persoas na área sanitaria.

Por último, a nivel autonómico Galicia inicia o mes de febreiro con 60.720 casos activos, é dicir, 2.147 menos que o luns.