A noite de San Xoán haberá en Pontevedra un cento de fogueiras de particulares

Pontevedra
19 de xuño 2021

O prazo para presentación de solicitudes para particulares que quixeran organizar unha fogueira de San Xoán xa finalizou. Segundo informou o Concello, en total foron 100 as comunicacións presentadas por sede electrónica, o rexistro xeral do Concello e presencialmente na Policía Local

Fogueiras de San Xoán
Fogueiras de San Xoán / Diego Torrado

O prazo para presentación de solicitudes para particulares que quixeran organizar unha fogueira de San Xoán xa finalizou. Segundo informou o Concello, en total foron 100 as comunicacións presentadas por sede electrónica, o rexistro xeral do Concello e presencialmente na Policía Local.

Como xa acontecera o ano pasado, o goberno municipal non autoriza fogueiras comunitarias que empreguen o espazo público ao entender que aínda non se poden garantir as medidas sanitarias e de seguridade habituais destas celebracións.

Aínda así, nas fogueiras en espazos particulares o Concello manterá os protocolos de anos anteriores sobre seguridade e esixirá que se garantan as medidas sanitarias fixadas pola Xunta de Galicia.

Para a realización das fogueiras débese cumprir unha distancia mínima de 15 metros con respecto a edificacións e árbores e poderán ter 2 metros de altura máxima e 4 metros de diámetro máximo da zona de combustión.

O materiais autorizados para queimar son leña, ramas, tocos de árbores e vellos materiais de madeira.

Neste sentido, queda prohibida a queima de elementos como pneumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais de PVC, así como botar aerosois, aceites ou líquidos combustibles. Están prohibidas tamén as fogueiras baixo tendidos eléctricos.