A nova área de obstetricia do Hospital do Salnés estreouse con dous partos

O Salnés
07 de xuño 2016

Estes espazos contan con dúas salas polivalentes, dúas unidades de tratamento, parto e recuperación, unha consulta e unha sala de reanimación de recen nados

Dous partos estrearon a nova área obstétrica do Hospital do Salnés
Dous partos estrearon a nova área obstétrica do Hospital do Salnés / Sergas

O Servizo Galego de Saúde activou asistencialmente o novo bloque obstétrico do Hospital do Salnés, no que xa atendeu satisfactoriamente os seus dous primeiros alumeamentos -de sendos varons- ás 01.35 e 03:35 horas da madrugada deste martes.

Dotado con dúas salas polivalentes, dúas unidades de tratamento, parto e recuperación, unha consulta e unha sala de reanimación de recen nados, o novo bloque obstétrico do hospital arousán complementa a posta en funcionamento asistencial do pasado xoves 2 de xuño do novo servizo de Urxencias, cos seus respectivos accesos viais e peonís.

Dende o Sergas sinalan que ademais da súa óptima relación con respecto ao resto de servizos do Hospital do Salnés, o deseño do novo bloque obstétrico permite proporcionar unha atención máis humanizada, tanto á embarazada como aos seus familiares durante o parto, xa que o cónxuxe pode acompañala en todas as fases do proceso asistencial -dilatación, parto e posterior recuperación-.

Así mesmo, cómpre salientar a axeitada distribución arquitectónica desta área, que permite aproveitar a abundante luz natural coa que contan todos os espazos do novo bloque obstétrico do Hospital do Salnés.