As obras de remodelación da Praza Pintor Souto, un espazo interior da rúa Loureiro Crespo, están practicamente rematadas. Esta área urbana pasará a ser un ámbito de convivencia veciñal.
A esta intervención, que vai en consonancia estética coa reforma do vial principal, só lle resta a instalación dunha zona de caucho cun xogo infantil no chan e a instalación do mobiliario.
Na praza, segundo destacou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, primouse a accesibilidade e a plataforma única en todo o espazo, que pasa a ser de convivencia entre peóns e vehículos.
Ademais, plantáronse varios loureiros, dando continuidade ao paseo 'verde' coas árbores que hai nas beirarrúas entre a Peregrina e a Avenida de Lugo.
Para rematar o proxecto global de renovación do barrio, afirmou Fernández Lores, tan só resta a pavimentación das rúas Ernesto Caballero e Ramón Cabanillas, no Castañal, onde xa están soterrados todos os servizos e solventados os problemas coas augas pluviais.
A empresa, engadiu o rexedor, está facendo un esforzo "moi grande" xa que existen problemas de subministración que complicaron a obra, pero agarda que estea rematada "nun prazo prudente".
"Este era un barrio que tiña falta de investimento e de creación de espazo público de calidade", sentenciou o alcalde, que amosou a súa satisfacción coa actuación e o seu resultado.