A nova residencia de maiores construirase na Parda

Pontevedra
01 de xullo 2019

A nova residencia de maiores que impulsa o goberno galego construirase na Parda. Ocupará concretamente a parcela do actual aparcamento disuasorio, situado nas proximidades do centro de saúde. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitarán este martes os terreos para formalizar o acordo

Parcela en Juan Carlos I que ocupará a residencia de maiores
Parcela en Juan Carlos I que ocupará a residencia de maiores / Mónica Patxot

Acordo total entre a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra. A nova residencia de maiores que impulsa o goberno galego construirase na Parda. Ocupará concretamente a parcela do actual aparcamento disuasorio, situado nas proximidades do centro de saúde.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitarán este martes os terreos para formalizar o acordo.

Esta parcela era unha das que o Concello ofrecera á Xunta para construír este novo equipamento, xunto con terreos en Valdecorvos ou Tafisa, entre outras localizacións.

O acordo entre ambas as partes, que se negociou de maneira discreta, pechouse xa hai unhas semanas, segundo confirmaron fontes municipais.

Desde o Concello recoñeceron a súa "sorpresa" ante o suposto interese da Xunta de Galicia porque esta residencia se situara na Eiriña, na coñecida como unidade de actuación 18, xa que nas negociacións eses terreos quedaron excluídos "expresamente", segundo explicou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías.

Un dos motivos, sinalou, é que eses terreos aínda non son propiedade municipal polo que "non podiamos ofrecer algo que non é noso". Se realmente a Xunta quería "darlle celeridade" a este asunto, sostén, non tiña sentido esta petición, xa que atrasase toda a tramitación.

Gulías engadiu que, en todo caso, o Concello considera "prioritaria" a construción desta residencia e ofreceron á Xunta a súa "total colaboración" para que sexa unha realidade canto antes.