A nova rúa que unirá as estradas a Marín en Mollavao custará un millón de euros

Pontevedra
08 de febreiro 2020

O encarecemento do proxecto nuns 300.000 euros con respecto ás estimacións iniciais débese a que será necesario colocar varias columnas de grava para dar estabilidade ao terreo

Apacardorio disuasorio de Mollabao
Apacardorio disuasorio de Mollabao / PontevedraViva

O novo vial de Mollavao que conectará a estrada vella a Marín coa autovía supoñerá un custo dun millón de euros. É un incremento duns 300.000 euros con respecto a as primeiras estimacións realizadas pola Deputación, promotora da obra, antes da redacción do proxecto.

O motivo deste encarecemento é que será necesario construír varias columnas de grava para dar estabilidade ao terreo.

O proxecto definitivo para a estrada, que estará disposta entre dúas glorietas de nova creación entre as dúas vías principais, terá unha lonxitude de 97 metros e un ancho de 15, para dar cabida a dous carrís de circulación, dúas beiravías e dúas sendas peonís.

A obra servirá tamén para soterrar unha liña de media tensión e renovar servizos como a iluminación e a vexetación coa plantación de árbores de maior porte que os actuais.

Entre as medidas para tomar para acougar o tráfico figuran dous pasos de peóns elevados na rúa Rosalía de Castro, outro antes da nova glorieta da avenida de Marín e un terceiro no medio da vía de nova creación.