A obra de Luís Rocafort incorporará a zona axardinada diante do edificio Telleira

Sanxenxo
28 de novembro 2017

Segundo indicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a pesares da tardanza do goberno local en trasladar a cesión, a Deputación xa comezou os trámites administrativos necesarios para incorporar a parcela ao ámbito de actuación da obra e solicitou á empresa adxudicataria un esforzo para rematar todos os traballos, incluso estes últimos, no prazo previsto do 22 de decembro

Visita ás obras da avenida Luis Rocafort
Visita ás obras da avenida Luis Rocafort / Deputación de Pontevedra

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou que a obra de mellora integral da avenida de Luís Rocafort en Sanxenxo incluirá a reforma dos 240 metros cadrados de terreos aportados o pasado venres polo Concello de Sanxenxo, que se corresponden coa zona axardinada diante do edificio Telleira.

Segundo indicou o nacionalista, a pesares da tardanza do goberno local en trasladar a cesión, a Deputación xa comezou os trámites administrativos necesarios para incorporar a parcela ao ámbito de actuación da obra e solicitou á empresa adxudicataria un esforzo para rematar todos os traballos, incluso estes últimos, no prazo previsto do 22 de decembro.

Benítez realizou este anuncio durante unha visita ás obras para comprobar o seu estado de situación. Estivo acompañado por persoal técnico do departamento provincial, responsables da unión temporal de empresas (UTE) que está a realizar os traballos, así como do alcalde de Sanxenxo Telmo Martín, o concelleiro de Infraestruturas Daniel Fernández, e os concelleiros do BNG, David Otero e Sandra Fernández.

Pola súa banda, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, mostrou a súa satisfacción polo remate definitivo das obras. "Estamos moi satisfeitos de que os veciños de Sanxenxo e todas as persoas que veñan aquí canto antes gocen esta avenida", dixo.

A obra da mellora integral de Luís Rocafort tivo un orzamento de licitación que superou os 1,65 millóns de euros. Incorporáronse melloras que supuxeron a actuación en toda a estrada, a canalización de augas e servizos.