A Oficina da ARI de Caldas tramita máis de 100 axudas a familias para a rehabilitación, adquisición e aluguer de vivendas

Umia
06 de setembro 2022

Outras 46 familias inscribíronse no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia

Centro urbano de Caldas de Reis
Centro urbano de Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

O concelleiro de Medio Ambiente e Obras do Concello de Caldas de Reis, Manuel González, informou este martes dos traballos desenvolvidos nos últimos meses pola Oficina da Área de Rehabilitación Integral (ARI) "que permitiu informar e axudar a máis de 100 familias de Caldas na tramitación de diversas axudas á rehabilitación, mellora da eficiencia enerxética, adquisición e aluguer de vivendas".

As axudas que maior demanda teñen son as de rehabilitación de vivendas no ARI do Camiño de Santiago, sendo xa 30 os expedientes tramitados, que ascenden a uns investimentos por importe total de 300.000 euros, e que optan a unha axuda de 130.000 euros, o que supón unha axuda media por vivenda de 4.300 euros.

Tamén foi tramitada unha nova convocatoria de axudas á rehabilitación dentro do Casco Urbano; neste caso son 17 as familias que optan ás axudas. Dende a Oficina da ARI, dirixida por María Pierres, adiántase que é notable o importe medio das obras, duplicando con creces o de fases anteriores, situándose en preto de 9.000 euros por vivenda.

En canto á compra de vivenda, durante o pasado ano tramitáronse catro expedientes de axudas no casco histórico, tendo sido concedidos tres deles por un importe de 10.800 euros por vivenda adquirida. Neste ano atendeuse a petición doutras cinco familias, fundamentalmente persoas menores de 35 anos. Caldas pertence aos concellos de Reto Demográfico, polo que os mozos de menos de 35 anos poden optar á axuda de 10.800 euros pola compra da súa primeira vivenda no ámbito de todo o concello.

En relación ao Bono Aluguer Xove, tramitáronse máis de dez solicitudes. 

En todo caso, a maior parte das citas outorgadas nos últimos catro meses, máis de 35, son para as axudas ás melloras de eficiencia enerxética, fundamentalmente para illamento de fachadas e cubertas, cambio de xanelas e modificación dos sistemas de calefacción. Dende a Oficina da ARI lémbrase á veciñanza a importancia de contar coa axuda de técnicos competentes que avalíen o estado das vivendas e as melloras precisas que permitan acceder ás axudas habilitadas polo Estado.

Finalmente, a Oficina da ARI ten tramitada a inscrición de 46 familias no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, constatando a necesidade de vivenda a un prezo alcanzable en Caldas. O alcalde, Juan Manuel Rey, subliña que "estes datos reforzan a aposta do goberno municipal pola rehabilitación e a estratexia para facilitar a posta a disposición de vivendas de promoción pública, polo que solicitaremos a implicación e axuda do Instituto Galego de Vivenda e Solo".