O portavoz do grupo provincial do Partido Popular e alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, reclama á Deputación de Pontevedra un plan de limpeza para as estradas provinciais. Coa chegada do bo tempo, Cubela sinala que é urxente e necesario que se reforce o mantemento destas vias. "Falta limpeza das cunetas e tarefas de roza", asegura poñendo como exemplo a EP-7103, que une Cerdedo, Castro e Quireza.
“A maleza está comendo a estrada, e se xa hai tramos estreitos polos que apenas collen os coches, a situación empeora e vólvese máis perigosa", alerta facendo referencia á resposta da presidenta Carmela Silva, que asegura que as estradas están "niqueladas", cando desde a oposición esixen actuacións.
Ademais da falta de mantemento, Cubela tamén denuncia que a Deputación ten unha obra sen acabar desde o inicio do estado de alarma nun dos tramos desta estrada. Explica que durante o confinamento, comezaron a substituír un muro de sostemento que estaba totalmente deteriorado nunha das curvas da estrada, pero a día de hoxe, máis dun ano despois, a obra está aínda sen finalizar, asegura Cubela.