A oposición ten 72 horas de prazo para facer as súas emendas ao orzamento municipal

Pontevedra
25 de novembro 2015

O vindeiro venres terá lugar a Comisión Informativa, ata o sábado pódense presentar as emendas aos orzamentos e finalmente o martes se celebrará a Comisión de Ditame

Fachada do Concello de Pontevedra na rúa Michelena
Fachada do Concello de Pontevedra na rúa Michelena / Mónica Patxot

O presidente da Comisión de Economía e Facenda, Rafael Domínguez, informou que o goberno local de Pontevedra entregou ao resto de grupos políticos da corporación os documentos oficiais dos orzamentos municipais, lamentando o retraso co que se está a desenvolver a tramitación.

"El tiempo corre en nuestra contra debido al inminente comienzo de la campaña electoral", sinalou Domínguez en rolda de prensa.

Os membros da Comisión acordaron, por unanimidade, celebrar unha Comisión Informativa o vindeiro venres ás 12:00 horas, e así poder debater e aclarar dúbidas sobre o documento entregado este mércores. As emendas sobre os orzamentos poderanse entregar ata o sábado e, finalmente, o vindeiro martes, 2 de decembro, terá lugar a Comisión de Ditame dos orzamentos, xa coas emendas que os distintos grupos municipais presentaron.

Os populares lamentaron que os orzamentos "no sean más transparentes y accesibles tanto a la ciudadanía, como a los colectivos y asociaciones vecinales, para que así pudieran presentar sus aportaciones", manifestaron.

Finalmente o orzamento elévase ata os 71.915.000 euros. Segundo o concelleiro de Facenda, Raimundo González, acadouse un aforro bruto de 9,2 millóns de euros que servirán para financiar máis do 50% dos investimentos (11.063.000 euros).