A Outubrofest 2017 agarda servir máis de 10.000 salchichas

Pontevedra
26 de outubro 2017

A festa que recada fondos para o Pontevedra Rugby Club abrirá as súas portas na praza do Teucro o próximo día 31

Presentación do Outubrofest 2017
Presentación do Outubrofest 2017 / PontevedraViva

Desde o vindeiro martes día 31 de outubro e ata a medianoite do 5 de novembro a praza do Teucro acollerá a novena edición do Outubrofest, unha cita indispensable no calendario gastronómico-festivo da Boa Vila.

A festa axuda a recadar o 30% do orzamento do Pontevedra Rugby Club mergullado nun proceso de fusión co Mareantes, que tamén organiza a festa de San Patricio.

Por cuarto ano consecutivo o club premiará ao club ou entidade deportiva da cidade que máis coida á súa canteira. Nesta ocasión será a SD Teucro a que recolla o trofeo e a salchicha de 3 metros que simbolizan o premio.

A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, non dubida en cualificar esta cita festiva- deportiva como "un clásico" do outono pontevedrés e aproveitaba a presentación da próxima Outubrofest para animar á xente para achegarse a carpa e gozar do bo ambiente que sempre hai alí.

Un bo ambiente que o presidente do Pontevedra Rugby Club, Félix Álvarez, definiu de "festivo y familiar" como acredita o feito de que "nadie se pasó en la carpa, no hubo nunca una pelea o un altercado de orden público". Neste éxito de organización xogan un rol fundamental os voluntarios que traballan de maneira permanente no Outubrofest.

A carpa permanecerá aberta ao público todos os días de 12.00 a 24.00 horas. Nela poderán degustarse salchichas, codillo e cervexa. Os prezos serán os mesmos do pasado ano. As salchichas de medio metro a 7 euros, as dun metro a 12 e o codillo a 7 euros. As cervexas mantéñense entre os 3,50 euros do medio litro de "rubia" aos 7 euros o litro da "tostada".

A previsión é superar as máis de 10.000 salchichas e 7.000 litros de cervexa vendidos o ano pasado.