A paisaxe sonora nas cidades, protagonista na primeira xornada de Urbtopías

Pontevedra
13 de abril 2023

A igrexa de Santa Clara foi escenario da primeira sesión de Urbtopías 2023, cunha charla sobre a paisaxe sonora das cidades na que participaron o sociólogo francés Jean-Paul Thibaud, o artista sonoro e investigador Xoán Xil López e Luís López Alonso, investigador do grupo Grades

Primeira xornada de Urbtopías 2023
Primeira xornada de Urbtopías 2023 / Mónica Patxot

A igrexa de Santa Clara foi escenario este mércores da primeira xornada de 'Urbtopías' 2023, ciclo que se expón como un punto de encontro para reflexionar e debater sobre o futuro das cidades que habitamos.

Na súa primeira parada do ano, Urbtopías expuña a necesidade de repensar o espazo urbano a través da escoita, e para iso contaba con tres relatores cunha recoñecida traxectoria como o sociólogo francés Jean-Paul Thibaud, o artista sonoro e investigador Xoán Xil López e Luís López Alonso, investigador do grupo Grades.

Moderada pola xornalista local Carolina Neira, tratábase de introducir no debate conceptos como a paisaxe sonora.

"Para deseñar as cidades do futuro hai que comprendelas, e non se pode facer só a través dun sentido, hai que facelo a través da plurisensorialidade", defendeu na súa intervención inicial Xoán Xil explicando un concepto do que xa falaba sen sabelo a escritoria Virginia Woolf na súa obra 'As ondas' (1931) pero que non empezou a desenvolverse ata mediados do século pasado. "Os sons do tráfico, os sons do porto, das sirenas, que en principio poden resultar molestos Virginia Woolf os vonvirte nunha experiencia non só acústica senón tamén sinestéxica", afirmou.

Tras el Jean-Paul Thibaud definiu o ruído como "unha terceira voz na que estamos inmersos todos os días" destacando a evolución da sensibilidade sónica, como "cada vez máis as cidades pensan na calidade sónica para o benestar do cidadán" a través da estetificación do espazo urbano. Tamén explicou esta evolución desde a mercantilización do espazo das cidades, co uso de sons ou música de acompañamento por exemplo en zonas comerciais ou aeroportos, e desde a ecoloxización do espazo urbano para "ter coidado co mundo que vive nel, non só os seres humanos".

Ademais "estamos a perder a capacidade de ter silencios", criticou recoñecendo á súa vez a implicación política que supoñen as reformas de espazos urbanos sendo necesario definir "con que tipo de tonalidades queremos encher os espazos públicos".

Por último Luís López introduciu na súa intervención outro aspecto, a importancia das linguas faladas como activo sonoro das cidades. "Os tons lingüísticos forman parte da ecoloxía sonora", sinalou defendendo especialmente a aquelas linguas máis minotarias ou desprazadas a coletivos concretos relacionados por exemplo coa inmigración.

Así se compón unha paisaxe lingüística cuxa diversidade sofre especialmente "nas cidades que apostan pola turistificación" ou cando se produce unha xentrificación en barrios ou zonas concretas, deixando no centro destas localidades "sempre ao inglés, e despois por círculos vanse desenvolvendo as demais". Por iso "a cidade que eu quero é na que se recoñezan os dereitos lingüísticos de todos os cidadáns", afirmou.

A próxima parada do ciclo 'Urbtopías' terá lugar o vindeiro mércores 19 de abril cunha mesa redonda sobre a capacidade que o deseño da cidades ten para xerar actividade económica. Nela participarán o decano da Facultade de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, a coordinadora da candidatura de Braga como Capital Portuguesa da Cultura, Joana Meneses, e a directora de Vinte, María Yáñez, coa moderación da xornalista cultural Marta Gómez.