A pandemia nas residencias de maiores: 47 positivos entre usuarios de Marín, Vilagarcía e Ribadumia

Pontevedra
19 de xaneiro 2022

Os puntos de cribados con test de antíxenos activos en Pontevedra, Vilagarcía, Sanxenxo, Caldas e Marín detectaron entre o luns e o martes un total de 81 positivos, o 9% das probas realizadas. A taxa de positividade máis elevada foi a de Marín, do 14%. Acudiron facer a proba 114 persoas e había 18 contaxiados

Realización de probas de test de antíxenos con saliva no Recinto Feiral
Realización de probas de test de antíxenos con saliva no Recinto Feiral / Mónica Patxot

As residencias de maiores da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés teñen nestes momentos 47 usuarios con positivo en covid-19. 

Así consta no último boletín oficial facilitado pola Xunta de Galicia, que recolle que a residencia máis afectada é a Divina Pastora de Vilagarcía de Arousa, con 30 usuarios contaxiados este mércores.

Ademais, hai 4 usuarios da residencia de Marín e 13  do centro DomusVi de Ribadumia.

CRIBADOS DE ANTÍXENOS

En canto á incidencia da pandemia na área sanitaria, o Sergas fixo público este mércores o dato da actividade dos puntos de cribados con test de antíxenos activos en Pontevedra, Vilagarcía, Sanxenxo, Caldas e Marín, nos que se detectou entre o luns e o martes un total de 81 positivos

Segundo a información oficial, realizáronse nos cinco puntos 889 probas e o 9% foron positivas. 

O punto con máis probas é o que está no auditorio de Vilagarcía, no que se realizaron 310 test e deron positivo o 8%, un total de 25 persoas

A taxa de positividade máis elevada foi a de Marín, do 14%. Acudiron facer a proba 114 persoas e houbo 18 positivos. 

En Pontevedra realizáronse 209 test entre o luns e o martes e houbo 23 positivos, o 11%

En Sanxenxo e Caldas a porcentaxe de positivos baixa. Na sala Nauta de Sanxenxo realizáronse 127 e deron positivo 9, o 7%, mentres que na Tafona de Caldas detectáronse 6 positivos en 114 probas, o 5%

POUCA AFLUENCIA EN MARÍN 

En Marín, segundo a información facilitada polo Concello, o cribado do Museo Manuel Torres realizou desde que se puxo en marcha o pasado 10 de xaneiro ata o día 16 un total de 1.331 tests, nos que se detectaron 89 positivos

A alcaldesa, María Ramallo, explica que nos primeiros días houbo unha elevada afluencia de persoas que foron facer unha proba, pero houbo un lixeiro descenso nos últimos días e lembra a toda a poboación de Marín e da contorna que este cribado segue aberto e dispoñible.  

Tamén houbo persoas que, a pesar de pedir a autocita, non acudiron ao cribado, xa que a contabilización indica que se citou a 1.648 persoas, de maneira que 317 persoas que pediron cita non acudiron.

De momento, pode seguirse solicitando unha cita para estes cribados nas cinco localidades a través da web coronavirus.sergas.gal/cribado/. O servizo está dispoñible de luns a domingo, de 8.30 a 13.40 e de 15.30 a 20.40 horas.