A pandemia segue descontrolada na área sanitaria, con 62 novos positivos nun día e un paciente máis en UCI

Pontevedra
03 de xullo 2021

Este sábado hai 413 casos activos de covid-19 na área sanitaria, 46 máis que o día anterior tras detectarse 62 positivos e darse 16 altas. Hai 12 pacientes están ingresados, un máis que o día anterior. Son catro pacientes en Coidados Críticos do Hospital Montecelo e 8 en planta de hospitalización. Pontevedra é a segunda área galega con máis casos

Realización de PCR
Realización de PCR / Mónica Patxot

A pandemia da covid-19 segue descontrolada na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, cunha escalada de contaxios desde fai máis dunha semana que non se detén. Este sábado 3 de xullo confirmáronse 62 novos positivos nunha xornada e, ademais, empeorou lixeiramente a situación da unidade de Coidados Críticos, que ten un paciente máis

Segundo o balance oficial do Servizo Galego de Saúde, este sábado hai 413 casos activos de covid-19 na área sanitaria. Son 46 máis que o día anterior a pesar de detectarse 62 novos positivos porque recibiron o alta 16 pacientes.

Do total de casos activos, 401 son pacientes asintomáticos ou con síntomas leves que se recuperan en illamento nos seus domicilios e os outros 12 están ingresados en dous hospitais da área sanitaria, un máis que o día anterior. 

En concreto, hai catro pacientes en Coidados Críticos do Hospital Montecelo e 8 ingresados en planta de hospitalización, 3 deles no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 5 no Hospital do Salnés.

Durante a última xornada realizáronse 758 probas PCR’ s, que elevan a 250.447 o total das xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria.

Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 14.236 pacientes e faleceron 181 pacientes.

EVOLUCIÓN EN GALICIA

En Galicia tamén seguen crecendo os casos activos. Nas últimas 24 horas confirmáronse 230 novos contaxios que, restados os 87 pacientes de alta, elevan o total de casos activos a 2.136, 142 máis que o venres.

Nos hospitais tamén aumentan os pacientes en UCI, dúas máis que o día anterior, pero diminúen os ingresados en planta, catro menos. En total, hai 53 hospitalizados, 42 en planta e 11 de críticos

Aínda que A Coruña mantense como a área sanitaria máis afectada, con 597 casos activos, 23 máis que o día anterior, Pontevedra consolídase como a segunda con maior número de positivos, con 413, 46 máis.

En xeral, aumenta os casos en todas as áreas galegas excepto en Ferrol, que ten 8 casos menos, situándose en 74. En Vigo hai 359 (31 máis), en Ourense son 254 (25 máis), en Lugo sitúanse en 230 (6 máis) e Santiago son 209 (19 máis.

Desde o inicio da pandemia faleceron en Galicia 2.437 persoas, 1 nas últimas 24 horas.