A parroquia de Valongo, en Cotobade, terá un novo parque infantil

Cerdedo Cotobade
23 de xullo 2019

O proxecto forma parte do plan municipal de parques infantís que supuxo xa a renovación de zonas de xogo en sete parroquias do municipio

Área recreativa e de lecer da parroquia de Borela
Área recreativa e de lecer da parroquia de Borela / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo Cotobade encara a última fase do proxecto de construción e mellora de parques infantís coa tramitación dunha zona de lecer para menores no lugar de Igrexa, na parroquia de Valongo. O goberno local acaba de adxudicar a obra, que ten un orzamento de 42.000 euros.

O proxecto contempla a eliminación dos actuais xogos situados xunto á Casa do Pobo para instalar no mesmo lugar un novo pavimento de caucho, un peche perimetral e catro elementos de xogo consistentes en balancíns individuais e dobres, xirocóptero, bambáns e tobogán. Ao mesmo tempo, a empresa adxudicataria encargarase de mellorar os accesos, colocar nova sinalización e papeleiras.

Desde o goberno que encabeza Jorge Cubela esperan que a duración da obra non supere os 21 días. As instalacións están deseñadas para nenos e nenas de 3 a 14 anos. A mesma empresa acometerá tamén a implantación dunha fonte nas inmediacións do parque, así como dous farois.

“Seguimos cumprindo cos nosos compromisos e xa estamos na fase final do plan de parques infantís, que agora vai chegar merecidamente a Valongo para que vos cativos desta zona poidan gozar dunha zona chea de xogos e homologada para ou seu lecer”, explicou o alcalde, Jorge Cubela.

Este plan municipal fixo realidade xa os novos parques de Viascón, Santa María de Sacos, Borela, Vilanova, Caroi, Carballedo e Cerdedo. Tras a obra de Valongo chegará a quenda do parque de Tenorio e o de Cutián.