A participación cidadá, ansiada "marca de distinción" do BNG para o novo mandato

Pontevedra
03 de xullo 2015

Así o destacaron os edís Luis Bará, Carmen Fouces e Alberto Oubiña durante a presentación das liñas de traballo que, neste sentido, seguirá o goberno municipal para contar coa opinión dos veciños dos diferentes barrios á hora de levar a cabo diferentes actuacións e proxectos na cidade

Carmen Fouces, Luis Bará e Alberto Oubiña, en rolda de prensa PontevedraViva

O BNG quere converter a participación cidadá nunha "marca de distinción" deste novo mandato. Así o destacaron os edís Luis Bará, Carmen Fouces e Alberto Oubiña durante a presentación das liñas de traballo que, neste sentido, seguirá o goberno municipal para contar coa opinión dos veciños dos diferentes barrios á hora de levar a cabo diferentes actuacións e proxectos na cidade.

Segundo explicou Luis Bará, se trata de "implicar a toda a cidadanía e aos colectivos sociais na mellora dos barrios e dos espazos públicos". Tras o positivo punto de partida que supuxo o programa +Boavila, o Concello optou por "intensificar" estas accións e crear novas fórmulas de participación. Será mediante "reunións de traballo específicas" que se convocará territorial ou sectorialmente para escoitar as suxestións dos cidadáns.

A partir de agora, sinalou Carmen Fouces, consultaranse as actuacións en materia de mobilidade, accesibilidade ou seguridade vial, que terán unha atención especial nos ámbitos dos centros de saúde e os colexios; ou en conservación e mellora do ámbito urbano, que se centrará en espazos públicos e zonas verdes e de ocio e en renovar os equipamentos e o mobiliario da cidade.

Ademais, consensuaranse proxectos relacionados coa iluminación e a limpeza viaria, a dinamización sociocultural e as festas, a recuperación de espazos abandonados onde se poidan instalar novas hortas urbanas ou espazos para o goce dos cidadáns, a eliminación de agresións estéticas na cidade ou a posta en marcha de novas intervencións artísticas en espazos degradados.

A dispoñibilidade "será máxima" por parte deste equipo de traballo que estará coordinado por Luis Bará, que ademais será o responsable do Burgo, A Seca, Monte Porreiro e o centro histórico. Pola súa banda, Carmen Fouces asumirá a parte sur e oeste da cidade cos barrios de Campolongo, Mollabao, San Roque e A Moureira; e Alberto Oubiña fará o propio coa zona norte e este, é dicir, o Gorgullón, A Parda, O Castañal, Barcelos ou San Antoniño.

As primeiras reunións celebraranse este martes 7 de xullo, ás oito e media da tarde, diante do Hospital Provincial para explicar o proxecto da nova praza peonil que se proxecta neste ámbito; e o xoves 9 de xullo, á mesma hora, no CITA, á que están convocadas todas as asociacións e colectivos veciñais, culturais, sociais, educativos ou empresariais para avanzarlles estas novas fórmulas de participación.