A Semana Santa chega con programación espacial ao mercado de abastos. O programa de lecer infantil O Ganapán terá actividades diarias entre o sábado 9 e o luns 18 de abril.
Os obradoiros serán variados. Os máis larpeiros terán ocasión de elaborar receitas moi típicas da Semana Santa como torrixas, ovos de chocolate recheos, rolos de canela, boliños de Pascua, galletas chocolatadas de Coresma, rosquillas de anís ao forno ou monas de Pascua.
Aqueles que se decanten polas manualidades poderán confeccionar disfraces, antefaces e monicreques de coello, bolsos e lentes de Pascua ou colgantes de ovo con arxila.
Como é habitual, haberá dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas.
Todos aqueles nenos e nenas de 4 a 10 anos que desexen inscribirse nos talleres de Pascua organizados deberán reservar a súa praza desde este luns a través do correo electrónico [email protected], facilitando a seguinte información: nome e apelido do rapaz, idade, teléfono, día e hora na que queren inscribirse. Á hora de rexistrarse, é necesario indicar se é para o Espazo Crea ou para o Espazo Gastro e alerxias ou intolerancias alimenticias.
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, explica que, á hora de outorgar as prazas, o Concello daralle prioridade aos nenos e nenas que se inscriban por primeira vez e que non tiveran participado en ningún obradoiro nas últimas semanas. As prazas restantes encheranse por orde de chegada da solicitude de inscrición e en función da última vez que tiveran participado no Ganapán.
Aquelas persoas que se inscriban e non acudan ao taller, e que non avisen da súa ausencia, deberán agardar un mes para poder realizar unha nova inscrición. Os rapaces que finalmente entren no obradoiro terán unha notificación por correo electrónico como máximo o día anterior á realización da actividade. Haberá listaxe de agarda.