O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, declarouse este mércores "atafegado" polo aluvión de chamadas e mensaxes de apoio recibidos tras anunciar que o rei emérito Juan Carlos I estará esta fin de semana en Sanxenxo. En especial, déronlle as grazas por mostrar o seu apoio ao monarca e, en base a todo este apoio, reflexiona sobre o respaldo que a cidadanía dá á figura do monarca.
Martín referiuse á polémica que rodea esta visita e a que nas últimas horas "un número significativo de políticos" falaron exercendo o seu dereito para criticar ao rei Juan Carlos e á monarquía e algúns deles "e non poucos," dedicáronlle todo tipo de insultos e descualificacións. Ante estas críticas, reflexiona sobre se se trata dunha opinión compartida pola cidadanía e móstrase convencido de que non é así.
"Preguntámonos se non será que a perda de prestixio do rei Juan Carlos entre os españois, que algúns partidos e opinadores afíns dan por feita, se cadra non é compartida maioritariamente polos cidadáns do montón", sinala o alcalde de Sanxenxo, que engade que "quizais esta fin de semana salgamos de dúbida".
O rexedor explica que a central do Concello de Sanxenxo leva varios días "colapsada" polo aluvión de chamadas interesándose pola visita do rei emérito e que son maiores desde que este martes o alcalde dixo "estamos encantados de poder demostrarlle o agarimo que Sanxenxo sente por el".
Así, tras este apoio de Martín ao emérito, as chamadas empezaron a ser "de agradecemento a Sanxenxo pola boa acollida que se lle vai a dispensar" a Juan Carlos I.
Segundo indica, o goberno local xa era consciente do "moi querido" que é o rei Juan Carlos en Sanxenxo, pero "o que nunca sospeitabamos" é que se puidese producir unha avalancha de chamadas de agradecemento e felicitación pola visita e, moito menos, porque o alcalde expresase nos medios de comunicación que Sanxenxo está encantado de poder demostrarlle o agarimo.
A visita do rei emérito, no que será o seu regreso a España tras case dous anos en Abu Dhabi, está a xerar gran interese mediático e, de feito, a demanda dos medios de comunicación foi tan "desbordante" que o alcalde tivo que suspender toda a súa axenda do martes para dedicarse exclusivamente a atender os numerosos compromisos de entrevistas. Este mércores optou por "declinar" esas entrevistas porque lembra que "tampouco é a súa función actuar de portavoz do rei".