O festival Ponte Coqueta viviu este sábado o día grande da súa terceira edición na praza da Peregrina, onde a música, a danza e un mercado ultramar transportou ao público e os participantes aos tolos anos 20 e 30 do século XX.
A cita cambiou o seu escenario habitual da praza de Curros Enríquez pola praza da Peregrina e por momentos chegou a congregar un gran número de espectadores, aínda que non foi unha celebración masiva, debido, con toda probabilidade, ao día de praia que se vivía este sábado en Pontevedra e a comarca.
O traslado de ubicación notouse en tanto que a amplitude do espazo e o feito de estar nun dos puntos máis transitados da cidade permitiron dar maior vistosidade ás actividades programadas, que tiveron unha especial vinculación co mudo da radio, leiv motiv da terceira edición.
Ponte Coqueta comezou o luns coa inauguración da exposición 'Radios antigas' na Casa da Luz. A mostra aínda é visitable ata este domingo 26 de agosto.
Os organizadores animaron aos cidadáns a achegarse ata a Peregrina vestidos dos anos 20, 30 e 40, para participar no mercado de ultramar e nas exhibicións de swing, lindy hop e latinos, pero foron poucos os que responderon á súa petición.