A pesar das protestas, o pleno de Vilagarcía aproba as taxas para uso de recintos culturais

O Salnés
25 de marzo 2013

Numerosos veciños apuparon o equipo de goberno por aprobar a medida de cobramento pola utilización de espazos culturais nun pleno no que a concelleira do PP Ana Granja tomou posesión do seu cargo en substitución de Marta Rodríguez

Veciños que amosaron a súa oposición ao cobro de taxas por uso de espazos culturais
Veciños que amosaron a súa oposición ao cobro de taxas por uso de espazos culturais /

O voto de calidade do alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, foi determinante para que se aprobase o novo regulamento de uso dos espazos culturais da vila. No salón de plenos encontrábanse máis de cincuenta veciños que reclamaron a dimisión do alcalde, apuparon e mesmo chegaron a tocar chocallos contra a medida que estaba a adoptar o goberno local. Os manifestantes, a maioría deles relacionados con asociacións culturais, reclamaron ao alcalde un período de diágolo coas agrupacións que se poden ver prexudicadas por esta medida. Non obtiveron resultado. O grupo municipal do PP votou a favor da aprobación co voto de calidade de Fole debido a que carecía de maioría debido ao recente falecemento do concelleiro Tucho Carballo polo que se gardou un minuto de silencio antes do inicio do pleno.

O novo regulamento establece o pagamento dunhas taxas de utilización dos locais culturais sempre que non se trate de asociacións locais sen ánimo de lucro. Así o indicou o concelleiro de Cultura, Fran González, durante a sesión plenaria.

Ana Granja tamén foi protagonista ao tomar posesión do seu cargo como concelleira popular en lugar de Marta Rodríguez que decidiu deixar o seu posto como edil para centrarse nas súas funcións como parlamentaria no hemiciclo galego.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora