Anova Pontevedra deu a coñecer este domingo que apoia a petición de indulto para Tamara e Ana, as dúas traballadoras non sindicadas da piscina de Campolongo que veñen de ser condenadas pola Audiencia Provincial de Pontevedra a tres anos de prisión pola presunta participación nun piquete informativo durante a folga de instalacións deportivos do ano 2010.
Este apoio únese ao xa manifestado públicamente polo sindicato CC.OO. e que está cobrando forza a través das redes sociais. De feito, existe xa unha petición na plataforma web Change.org que superou as 2.500 sinaturas en dous días pedindo ao ministro de Xustiza, Alberto Rúiz Gallardón, que lles conceda o indulto e calquera orde de ingreso en prisión por unha condena que consideran desproporcionada e inxusta.
No caso de Anova Pontevedra, o partido opina que esta condena revela o trato diferente que a xustiza ten cos cidadáns dependendo da clase ou posición social que ocupen. Na súa opinión, unha vez máis, a xente do común, especialmente quenes defenden os dereitos fundamentais, son obxeto dunha decisión inxusta por parte do aparato do Estado.
Así as cousas, dende o partido nacionalista esixen a Gallardón que trate a Tamara e a Ana do mesmo xeito que ten feito con corruptos e banqueiros amigos, hoxe en liberdade, e que, por tanto, lles conceda o indulto, que consideran que estaría esta vez sí, xustificado.
A petición activa en Change.org recolle que as dúas condenadas recoñecen que estaban alí, pero non fixeron nada, unicamente formaban parte do grupo de 50 ou 60 persoas que formaba un piquete, tal e como refrendaron os traballadores citados pola acusación, pois "deixan claro que ninguén viu que tirasen algo á piscina, todos declararon que seguiron no seu posto de traballo e que en ningún momento se sentiron coaccionados.
Ademais, engaden que nin Tamara nin Ana pertencen nin pertenceron nunca a ningún sindicato, ao igual que tampouco teñen antecedentes de ningún tipo, senón que son dúas traballadoras correntes, que por ser coñecidas se lles acusou de todo o sucedido. Igual que foron elas, podiamos ter sido calquera de nós. Para agravar un pouco máis a situación, unha delas, Tamara, encóntrase embarazada de tres meses e medio, conclúen.