A piques de rematar a nova praza na contorna do mercado de Seixo

Marín
04 de febreiro 2023

Os deputados Gregorio Agís e Santos Héctor visitaron este venres xunto á alcaldesa de Marín María Ramallo, a contorna do Mercado municipal de Seixo, que, segundo destacaron, "loce xa como novo espazo amable, seguro e inclusivo"

Visita á nova praza na contorna do Mercado de Seixo
Visita á nova praza na contorna do Mercado de Seixo / Deputación de Pontevedra

Os deputados Gregorio Agís e Santos Héctor visitaron este venres xunto á alcaldesa de Marín María Ramallo, a contorna do Mercado municipal de Seixo, que, segundo destacaron, "loce xa como novo espazo amable, seguro e inclusivo grazas á actuación de transformación urbana que está a piques de rematar e que conta coa financiación da Deputación de Pontevedra". 

Este entorno recupera espazos públicos para as persoas, reordenando viarios e mellorando a mobilidade e a accesibilidade na contorna do mercado. 

A institución provincial inviste nesta obra un investimento de 730.744 euros, dos que 548.058 euros foron financiados a través do plan ReacPon e os restantes 182.686 euros a través dunha achega do Plan Concellos.

En concreto, a actuación abrangue un espazo que comprende un tramo da estrada Grupo Escolar, unha das arterias do núcleo urbano de Seixo, a avenida Otero Ulloa e o Camiño Vello. 

Nesta contorna, a carón do Mercado de Abastos, xa toma forma unha grande praza pública que se converterá nun lugar de esparexemento e desfrute do espazo público por parte da cidadanía así como nun lugar adaptado para usos múltiples de ocio.

Xunto á creación desta praza estase a reorganizar o espazo para persoas e para vehículos coa creación de viarios de plataforma única e de preferencia peonil, a ampliación das beirarrúas e a eliminación do carril de estacionamento, configurando deste xeito un núcleo máis seguro, accesible, acolledor e respectuoso co medio ambiente. Ademais a obra incluíu as redes de saneamento de augas pluviais e residuais, a de abastecemento e a de alumeado público, así como a instalación de mobiliario urbano.

CRÍTICAS DO PSOE LOCAL

Para Manuel Pazos, portavoz do PSOE de Marín, a obra "non estará completa ata que se integre tamén o antigo solar do Miramar". Así, considera que é "unha obra a medias" porque, aínda que supuxo unha mellora evidente, "podería ser aínda moito mellor do que é agora". 

Ademais, desde o PSOE local  piden que tras a retirada do transformador de Fenosa que se producirá dentro de poucas semanas instálese alí unha marquesiña, que reclamaron a través dunha moción no mes de xuño de 2022.

A pesar das críticas, agradecen o compromiso da Deputación de Pontevedra cos concellos da provincia, e tamén con Marín.